viernes, 23 de marzo de 2012

FROITAS E FROITAS

Hoxe foi un venres especial: fixemos unha DEGUSTACIÓN DE FROITAS

Despois de facer as nosas rutinas diarias (e necesarias) comezou o desfile de froitas. Acariciamos texturas lisas e rugosas, suaves e ásperas, vimos cores claras e escuras, comprobamos as formas esféricas ou alongadas e comparámolas entre elas por tamaños grandes, medianos e pequenos. Dixemos moitos nomes de froitas que se poden comer peladas ou sen pelar (familias, é importante lembrar que mazás e peras son mellores coa pel) e tamén nos fixamos nas que conteñen moito zume, como as que aparecen debuxadas nos envases que levamos á aula. Tocar, cheirar, pesar... gustoulles moito.

Tivemos na clase froitas propias do noso medio (que non precisan un transporte de miles de kilómetros, e polo tanto unha conservación pouco natural) e outras de fóra, e aínda que faltaron moitas hoxe xogamos con...
  • cocos
  • "papaya"
  • mangos
  • kiwis
  • dátiles
  • ameixas
  • peladillos
  • melón
  • aguacate
  • piña
  • pomelo
ademais das mandarinas, fresas, plátanos e mazás que traen habitualmente, e dos zumes que probamos: zume de mango e piña (de cor alaranxada), e zume de granada e uva (ou o que acabaron chamando "zume que parece sangue").

Nas imaxes é fácil comprobar as súas caras de pomelo (amargo), e as súas preferencias. A ver se adiviñan entón a quén lle encantou o pomelo, quén é o Rei das Froitas, feliz coméndoas sexa a que sexa, e a quén lle gustan os 2 zumes que probamos.


Desfrutamos aínda máis da mañá poñendo a música de Mamá Cabra, sobre todo a súa canción "Todo natural" que nos veu estupendamente para reforzar o aprendido con moito ritmo.


Deixo AQUÍ o enlace á súa páxima na que aparecen as súas próximas actuacións, os seus traballos e moita máis información. Nas casas probablemente xa coñezan Eu son un artista, Imos bailar, O Samaín, ou Coas miñas mans ;)

Por certo, case seguro que precisaremos a colaboración das familias á volta de Semana Santa, xa que agora temos un montón de sementes diferentes das froitas que probamos e querémolas plantar!

miércoles, 21 de marzo de 2012

NO OUTONO...SAMAÍN E MAGOSTO

Estes días unha nena tróuxonos á aula un conto do seu irmán maior que a ela lle gustaba moito:
Rato Pincho





Pincho non quere perder o magosto da escola por nada do mundo! Pero á entrada do seu tobo hai algunha que outra sorpresa... Entre disfraces de vampiro e ourizos dos castiñeiros a historia vai avanzando. Ademais de desfrutar con ela servíunos para lembrar cómo foran o noso Samaín e o noso Magosto: menos arriscados pero igual de divertidos que os de Rato Pincho.
Unha pequena mostra das nosas festas de outono:

O SAMAÍN
Coa colaboración das familias organizouse un concurso de cabazas. Todas as nosas cabaciñas eran ben bonitas; tan bonitas que incluso unha nena da nosa clase conseguiu un premio! Lembrades quén foi? Aí vai unha pista: fixádevos na cabaza da dereita da foto, a que está do lado do morcego negro.
Noraboa a I. e noraboa a tod@s os demais por participar :)
E para aquelas familias que lean isto, CLICK AQUÍ para un pouco de medo coa canción do "Samaín", e AQUÍ para unha canción das que levan pedindo con estusiasmo dende os primeiros días, "Corre, corre cabaciña".

O MAGOSTO
Despois dunha semana entre poesías, contos, debuxos e adiviñas sobre castañas, ourizos, chourizos e demais, chegou o día. Comemos, cantamos, e xogamos.


viernes, 9 de marzo de 2012

OS CONTOS NA CASA

Na nosa aula temos dúas minibibliotecas: unha para peques e outra para familias.
Todos os venres, dentro das súas carpetas para non estragar nada, o alumnado leva o material que lle toca. E sempre se acordan! Pensando no desfrute que terán lendo o conto nas súas casas e cheos/as de curiosidade por intentar adiviñar cál lles vai tocar esa semana, ás veces pídenme xa á hora de entrar que preparemos as carpetas, "por se acaso".
Encántanlles estes materiais cando os manipulan sen axuda, pero moito máis lles encanta que os vexamos xuntos, que llelos contemos, expliquemos, escoitemos, e mil cousas máis que se poden facer con eles. 
Unha destas mil maneiras de traballar o conto na casa podería ser:
  • lelo. Para contar un conto o mellor posible debemos primeiro coñecelo nós, polo tanto sería aconsellable lelo antes de contalo. Así sabemos en qué partes temos que insistir, ónde van vir as sorpresas, qué pistas podemos dar para que comprendan a historia e qué misterios non podemos desvelar ata o final. Este primeiro paso dígoo coa boca pequena, pois sei que non sempre é posible, e que nalgúns casos iremos directamente ó seguinte punto:
  • primeira lectura do conto, sen pausas nin explicacións que fagan perder o fío da historia. Soamente contar (que non é o mesmo que simplemente narrar) e compartir as ilustracións.
  •  a seguinte vez que o contemos xa podemos asegurarnos de que todo se comprende, que saben cántos personaxes interveñen e os seus nomes e motivacións, a secuencia de feitos, os porqués, e calquera cousa que se lles ocurra preguntar (impredecibles) ou ampliar a nós.
A partir de aquí xa todo é xogar
  • facerlles preguntas sinxelas, fixándonos entre outras cousas na afectividade, nos sentimentos que aparecen no conto e cómo resolven os problemas os personaxes (por que están tristes? que poderían facer para...?)
  •  inventar rimas cos nomes dos personaxes, que ás veces xa veñen dadas nos propios títulos (gato nun zapato, reno pequeno, Xoán ten un can, etc.)
  • contalo todo! (cantos paxaros hai? e árbores? e nenas? e cabritos? e obxectos verdes? e e e...?)
  • adiviñar o que non está escrito (Carapuchiña tiña unha cesta, pero que che parece a ti que podería levar nela? Como podería chamarse o rato? Que farían se chovese?)
  • cambiar. Sen abusar ó principio (porque ás veces non lles gusta nada que se cambien os seus contos preferidos), podemos incitalos a cambiar o final por outro novo, a cambiar algunha característica dos personaxes, o escenario, engadir algo doutro conto... (o lobo era vexetariano, os tres porquiños atoparon unha lámpada máxica)
  • debuxar, representar, mover os títeres e marionetas, recortar, contar a historia entre irmáns, que nola conten a nós, aprender curiosidades relacionadas co tema, imaxinar, recoñecer algunha letra do propio nome, etc.
Todo ten cabida, aínda que debemos lembrar que tan importante é traballar o conto con eles/as como, se non está resultando lúdico ou atractivo, que o lean ó seu aire para que a paixón polos contos que teñen todos/as non se vaia perdendo coa nosa insistencia.


E para aquelas familias que quedan sen voz de tanto contar historias, déixolles un vídeo da promoción dun dos mellores materiais audiovisuais da actualidade, aínda non comercializados, pero que podemos atopar na páxina da TVG.


E aquí está a páxina da TVG dende a que podemos ver moitos deles na sección de "contos": http://www.crtvg.es/infantil

lunes, 5 de marzo de 2012

COMO IMOS CAMBIANDO!

Empecemos polo principio: os primeiros días
As fotos de bebés entregadas para a matrícula na primavera de 2011 pouco tiñan xa que ver cos nenos e nenas da aula de 3 anos despois do noso exitoso período de adaptación. Velaquí vai a proba!


Estas imaxes, entre outras, forman parte do noso mural de aula "Como imos cambiando!" no que o alumnado pode comprobar a súa propia evolución co paso do tempo.

jueves, 1 de marzo de 2012

POR FIN!

Comezo esta experiencia na rede para achegar un pouquiño máis a escola ó mundo e o mundo á escola. Espero que sirva de forma de contacto para unha comunicación máis fluida entre nós, soporte para o diálogo cos pequenos e pequenas na casa, e axuda en temas do máis variado. Acepto aportacións, correccións, suxerencias e opinións lembrando sempre que este blog vai ser:
  • respectuoso
  • antisexista
  • plurilingüe (e polo tanto moi comprometido co galego)
  • correcto no uso da linguaxe
  • saudable
  • ausente, na medida do posible, de estereotipos de calquera tipo que carecen de orixinalidade (tópicos, clixés, imaxes e murais manidos, etc.) 
Cantos máis comentarios, mellor. Imos aló! :)