viernes, 29 de junio de 2012

VENRES! DESPEDIDA



MÉRCORES E XOVES: ORLAS E VISITA

O MÉRCORES...por fin, tivemos nas nosas mans a sorpresa que levabamos agardando varios días: unha ORLA coas nosas fotos! Aproveitando que durante o último mes (unidade 6) traballamos a actividade física, e que ademais están a puntiiiiño de comezar as Xogos Olímpicos de Londres 2012 (cánta vida despois do fútbol!) saímos practicando unha morea de DEPORTES. 
Só había un problema: cómo conseguir que chegasen ás nosas casas máis ou menos enteiras. Pois con maxia! Puxémonos o nome e decoramos un rectángulo de cartón (parecido a un cadrado)...e transformámolo nun tubo protector. Tachán!

Onde as puxestes? Na habitación? Na cociña?Contádeme, contádeme!

O XOVES...rematamos de recoller todas as nosas cousas, preparar carpetas, repartir libros, avisos, etc. Menos mal que tivemos a axuda dunha moza que se chama... igual que a nosa compañeira da primeira foto. Sabedes?
Como se portou tan ben con nós e lle gustaron tanto as nosas cancións démoslle un bico antes de marchar.

Grazas por vir!

lunes, 25 de junio de 2012

MARTES! IMOS DE EXCURSIÓN

Auga, crema solar, gorras, comidas, mochilas cómodas, cancións de autobús, nervios e moita excitación... o martes fomos de excursión!
Visitamos a salina romana da praia do Vao, fixemos un concurso de castelos de area, comemos todas as cousas ricas que tiñamos e rematamos no parque antes de volver no mesmo medio de transporte no que foramos: no autobús grande.
Aínda que todo isto o podemos facer calquera día...a ilusión de ir en grupo é incomparable. Mirade!

 

LUNS! CÓNTANOS UN CONTO...III

Na última semana do curso houbo sorpresas por todas partes!
O LUNS... 
Alguén chamou á nosa porta despois do recreo. Era a titora de 1º de Ed. Primaria, que quería que fósemos á aula de música. Nós, obedientes, subimos e alí atopamos...a todo o alumnado de 1º en silencio, con máscaras ou vestimentas de animais, e unhas imaxes proxectadas na parede cunhas letras que poñían: "A QUE SABE A LÚA?" E como ese é un dos nosos títulos preferidos, desfrutamos moito escoitando a historia e vendo as imaxes da parede e as caretas dos/as compañeiros/as. 
Que ben len, que ben cantan, e... 
QUE BEN CONTAN CONTOS NA CLASE DE 1º!
Unha pequena mostra en vídeo, e agora máis fotos:

domingo, 24 de junio de 2012

A ÚLTIMA SEMANA

Ei, ei! Non marchedes! Fáltanos contar a nosa última semana chea de sorpresas!
            Foi un remate estupendo para un curso fantástico.
Xa veredes, xa... :)

miércoles, 13 de junio de 2012

CÓNTANOS UN CONTO...II

Este martes, novamente coa colaboración da titora de 1º, a sorpresa chamábase...
CELIA!
En silencio e con atención, como nos gusta, contounos a historia de "Ufito, el dinosaurio", que naceu dun _ _ _, era de cor _ _ _ _ _ e tiña o pescozo moi moi mooooi _ _ _ _ _ e por iso puido comer e compartir as follas das árbores máis altas.
Lembrades cantos anos ten Celia? De que neno da clase é irmá?

OUTRO APLAUSO PARA CELIA!

jueves, 7 de junio de 2012

LUCÍA NO SEU DÍA

A semana pasada estivo chea de sorpresas! Despois de que o mércores algúns nenos e nenas tivesen unha pequena sesión de xogo libre con títeres, e o xoves viñese á aula Sara, a irmá de Manuel F., a contarnos un conto...o venres veu Lucía ensinarnos a bailar!
Como Lucía é maior, ás veces esquécese das historias de pequenos; tivemos que comezar por contarlle a que tanto nos gusta, "Os tres porquiños", e demostrarlle que sabemos a canción do conto, soprar e resoprar, sumar e restar porquiños, lobos, casas, e cús queimados, e incluso identificar as maiúsculas A / O .
Despois de facer as nosas tarefas habituais (colocar a aula, xogar coa teacher, comer, facer pis, limpar e poñer as gorras mentres recordamos a canción de "Sígueme" e ós seus protagonistas: elefante e formiga) saímos ó patio a fume de carozo! Queriamos chegar pronto para desfrutar do areeiro só para nós un anaquiño hehe e tivemos sorte porque Lucía xogou moitísimo con nós: na casa, a facer castelos, á roda... Aquí van as fotografáis dos momentos no patio para que as familias tamén vexan o ben que o pasamos:


Cando soou o timbre tiñamos taaaaanta calor que preferimos esperar a que entrase todo o alumnado para poder beber na fonte e lavarnos a cara. Chegamos á clase, relaxámonos con outra canción (agora tocoulle a "Chocolata", a hipopótama; sabemos un montón!), afastamos mesas e sillas para os lados e, con todo despexado, comezou o BAILE!


Bailamos unha chea de cancións! Bachata, chachachá, rock&roll, balada...e ata un rap! A cámara de fotos tamén estaba un pouco bailarina e non se aprecia ben nas imaxes pero a gorra ladeada, a cara seria e os xestos repetitivos son inconfundibles.
Como ela nos ensinou tantos pasos, rematamos ensinándolle nós algunhas das nosas cancións favoritas para bailar no cole. 
Grazas por vir, LUCÍA! 
Encántannos estas visitas con sorpresa :)

miércoles, 6 de junio de 2012

CÓNTANOS UN CONTO...I

Coa colaboración da titora de 1º de Ed. Primaria, o xoves 31 de maio contounos un conto... 
SARA!
Sara é irmá dun neno da nosa clase, e como sabe ler mooooi ben e lle gustan mooooito os contos, quixo contarnos o SEU favorito: "O señor mago e a folla".


Nós xa sospeitabamos que algo ía pasar, así que cando Sara chegou só tivo que presentarse, sentarse no noso novo banco-baúl e, como xa estabamos co cú no chan, a boca pechada e as orellas abertas, axiña comezou a contarnos a historia do mago Antón, a folla que pisou, o desexo, a caixa, o debuxo...e finalmente Antía! Lembrádesvos? 
Pido desculpas pola calidade do vídeo, pero a ver se estes segundiños vos refrescan un chisco a memoria:

 

Antes das imaxes, dúas pequenas probas: 
  • Contádelle o conto ás mamás e papás e, se vos acordades, facede o debuxo de Antía igual que o fixo Antón cando "...lle pintou unha melena longa e loura, uns ollos azuis, un nariz chato, unha boca de beizos vermellos, unhas orellas feitucas, uns brazos con mans doces e dedos agarimosos, unhas pernas lixeiras como o ar...

  • Lembrades de quen é irmá SARA? Quén máis ten irmáns ou irmás maiores? E máis pequenos/as?

UN APLAUSO PARA SARA!

domingo, 3 de junio de 2012

CARACOL CARACOLEIRO - Festival Letras Galegas 2012

O 17 de maio de 2012 celebramos o día das Letras Galegas, este ano adicadas a Valentín Paz Andrade, cun FESTIVAL
O segundo para nós pero o primeiro no que eramos realmente conscientes do que ía pasar, xa que polo Nadal estabamos moi verdes cando cantamos "Mec, mec, mec". Así que este quixemos facelo MOI MOI BEN

Con axuda da mestra de música (GRAZAS MIL) preparamos a canción "Caracol caracoleiro", con música de Suso Vaamonde, letra de Manuel María...e adaptación libre pola nosa parte, hehe. Viqui tocou a guitarra, eu (Olalla) a frauta e os nenos e nenas cantaron de marabilla. Aínda non conseguín ningún vídeo da actuación, pero teño moitas imaxes! Velaquí vai un álbum con: 
  • imaxes dos fermosos caracois de cadaquén
  • fotos na aula facendo os seus caracois de plastilina
  • fotos do propio día do Festival, tanto de público como na aula tomando a comida antes de saír ó areeiro

E por se algún ou algunha non pode parar de cantar a canción, aquí vos deixo un enlace dende o que podedes mercar "Os soños na gaiola", o traballo completo que tan boa idea nos deu:
  

Agora non esquezades comentar! Que vos pareceu? Tedes máis fotos para compartir? Ideas? Felicitacións? Bicos e apertas? Dádelle!

martes, 15 de mayo de 2012

VÍDEO "O MEU CONTO FAVORITO"

Mañá completarei esta entrada cunha breve explicación e con imaxes dos traballos en papel, pero de momento...


Son xeniais, ben se ve ;)

O MEU CONTO FAVORITO - DÍA DO LIBRO 2012 
Actividade proposta polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, na que nos axudou especialmente a mestra de música.

Aínda que nun primeiro momento a actividade estaba pensada para o alumnado a partir de 4 anos...nós quixemos participar! E saíunos moi ben, sobre todo a actividade oral recollida no vídeo. Aquí van agora os debuxos e unha foto:


 

sábado, 12 de mayo de 2012

UN CONTACONTOS E MOITOS OVOS

O venres 4 de maio a editorial Kalandraka agasallounos cunha sesión de contacontos (xa que dende a biblioteca do colexio se mercan os seus materiais). Escoitamos GARAVANCIÑO contado por Olalla González...a autora do libro!, que tamén se atreveu con ARTUR, de Oli. Se as historias gustaron, aínda máis o fixeron os debuxos de Marc Taeger, o ilustrador, que tivo todos os ollos postos nel mentres recreaba os contos nas fermosas láminas que nos deixou como recordo (grazas!).
 
 
 
  

Durante a despedida Olalla e Marc déronnos un OVO EN BRANCO para que debuxásemos por un lado o exterior decorado e polo outro o que nos gustaría a nós que tivese no interior (dentro-fóra). Aprendemos que gatiños, elefantes ou bebés prefiren as barrigas das súas mamás, e deixamos para os ovos a pitiños como Artur ou Cocorico, crocodilos, serpes, peixes e ata algún dinosaurio! Cada vez o esquema corporal está máis definido, os debuxos máis ricos en detalles, e ata se atreven cos seus nomes, vaia valentes! :)

Contacontos en maio e os nosos ovos

MAQUINISTAS

Os medios de transporte son un dos temas que máis interese suscita na aula. A caracterización-dramatización, outro deles. Se os unimos por un momento...podemos "disfrazarnos" de maquinistas de tren! Cunha gorra e un volante fixemos as nosas fotos, imprimímolas mooooi pequeniñas e pegámolas na locomotora do tren que xa tiñamos pintado con témpera. Aquí as deixo para poder velas máis grandes:



domingo, 6 de mayo de 2012

REENGANCHAMOS!

Levo días sen publicar entradas, pero isto non significa que non estean preparadas! Temos unha chea de fotos novas coas actividades dos últimos días, aniversarios, maquinistas de tren, contos favoritos... e ata un vídeo! Vaiamos paso a paso :)
Hoxe gustaríame explicar un pouquiño cómo se pode comentar neste blog para que a partir  desde novo reenganche se convirta nun espazo de comunicación e intercambio, tal e como foi pensado.
Nun primeiro momento só podía comentar xente rexistrada, ben fose con correo de gmail (moi sinxelo) ou dende outras aplicacións. Agora xa non! Calquera pode comentar, non é preciso rexistrarse nin deixar datos ningúns. É moi fácil:

- Escollemos a entrada na que queiramos comentar, e facemos click sobre "nº comentarios".

- Na pestana "Comentar como:" seleccionamos "ANÓNIMO".

- Escribimos o noso comentario, facemos click en "Publicar", e listo! Aínda que...non estaría mal poñer algún nome ó final para que se saiba de quén é.

Suxiro agora que comenten pero non só mamás e papás; hoxe van comentar os nenos e nenas! En maiúsculas (que son máis fáciles para identificar) poden poñer nun comentario soamente o seu nome, tecla a tecla (con axuda).

Cantos máis nomes teñamos, máis rápido virá a seguinte entrada: as fotos de maquinistas e as da sesión de contacontos levada a cabo por Kalandraka.


*E que ninguén se preocupe se o seu comentario non aparece ó momento. Ás veces están agachados ata unhas horas despois, pero sempre volven ;)

martes, 3 de abril de 2012

ASÍ FOI O NADAL DE 2011

Con estes calores primaverais dos últimos días cústanos facer memoria e pensar en cómo comezou o inverno: co Nadal! No mes de decembro tivemos tempo para facer unhas foto-tarxetas de felicitación que probablemente teñan expostas nas casas porque saían todos/as guapísimos/as, de confeccionar o noso tarxetón xigante cunhas bolas decorativas moi especiais, de preparar unha panxoliña duns reis magos moi modernos ("Mec, mec, mec! van pola autopista...") e de actuar coas coroas na cabeza. Afortunadamente contamos con algunhas imaxes de todo isto, aínda que nas cámaras de fotos das mamás e papás que asistiron ó festival de seguro haberá máis e mellores. Coma sempre, invito ás familias a intercambiar materiais entre elas. 
Agora...facede click na nosa árbore, que hai máis fotos agochadas!

Nadal 2011 -  Feliz 2012



lunes, 2 de abril de 2012

MÁIS MOMENTOS NO PATIO DA ESCOLA

Como sei que non só de contos se vive (por moito conto que se teña), comparto novas fotos dos momentos no patio.



Pódense ver máis grandes no propio álbum de Picasaweb simplemente con "facer click" na presentación. E lembrade: se vos gusta, comentade!

2 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO INFANTIL

Como cada 2 de abril dende 1967, coincidindo coa conmemoración do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Non existe día malo para invertir en cultura, pero o de hoxe é ademais un día estupendo. En moitas cidades hai feiras na rúa con descontos dun 5-10%, nas librerías tamén teñen promocións especiais e nas bibliotecas lévanse a cabo actividades de contacontos, títeres, maxia, etc. Vamos!

E se non queremos desprazarnos...internet é case máxico. Podemos aproveitar para mercar nas webs de La Casa del Libro, Fnac.es, Librerías Nobel, Amazon.es, etc.

Á volta desfrutaremos na aula das imaxes do manifesto (que este ano foi elaborado por México), O texto é un pouco complexo para os/as pequenos/as, pero non así para as familias, así que...aquí o deixo:


viernes, 23 de marzo de 2012

FROITAS E FROITAS

Hoxe foi un venres especial: fixemos unha DEGUSTACIÓN DE FROITAS

Despois de facer as nosas rutinas diarias (e necesarias) comezou o desfile de froitas. Acariciamos texturas lisas e rugosas, suaves e ásperas, vimos cores claras e escuras, comprobamos as formas esféricas ou alongadas e comparámolas entre elas por tamaños grandes, medianos e pequenos. Dixemos moitos nomes de froitas que se poden comer peladas ou sen pelar (familias, é importante lembrar que mazás e peras son mellores coa pel) e tamén nos fixamos nas que conteñen moito zume, como as que aparecen debuxadas nos envases que levamos á aula. Tocar, cheirar, pesar... gustoulles moito.

Tivemos na clase froitas propias do noso medio (que non precisan un transporte de miles de kilómetros, e polo tanto unha conservación pouco natural) e outras de fóra, e aínda que faltaron moitas hoxe xogamos con...
  • cocos
  • "papaya"
  • mangos
  • kiwis
  • dátiles
  • ameixas
  • peladillos
  • melón
  • aguacate
  • piña
  • pomelo
ademais das mandarinas, fresas, plátanos e mazás que traen habitualmente, e dos zumes que probamos: zume de mango e piña (de cor alaranxada), e zume de granada e uva (ou o que acabaron chamando "zume que parece sangue").

Nas imaxes é fácil comprobar as súas caras de pomelo (amargo), e as súas preferencias. A ver se adiviñan entón a quén lle encantou o pomelo, quén é o Rei das Froitas, feliz coméndoas sexa a que sexa, e a quén lle gustan os 2 zumes que probamos.


Desfrutamos aínda máis da mañá poñendo a música de Mamá Cabra, sobre todo a súa canción "Todo natural" que nos veu estupendamente para reforzar o aprendido con moito ritmo.


Deixo AQUÍ o enlace á súa páxima na que aparecen as súas próximas actuacións, os seus traballos e moita máis información. Nas casas probablemente xa coñezan Eu son un artista, Imos bailar, O Samaín, ou Coas miñas mans ;)

Por certo, case seguro que precisaremos a colaboración das familias á volta de Semana Santa, xa que agora temos un montón de sementes diferentes das froitas que probamos e querémolas plantar!

miércoles, 21 de marzo de 2012

NO OUTONO...SAMAÍN E MAGOSTO

Estes días unha nena tróuxonos á aula un conto do seu irmán maior que a ela lle gustaba moito:
Rato Pincho





Pincho non quere perder o magosto da escola por nada do mundo! Pero á entrada do seu tobo hai algunha que outra sorpresa... Entre disfraces de vampiro e ourizos dos castiñeiros a historia vai avanzando. Ademais de desfrutar con ela servíunos para lembrar cómo foran o noso Samaín e o noso Magosto: menos arriscados pero igual de divertidos que os de Rato Pincho.
Unha pequena mostra das nosas festas de outono:

O SAMAÍN
Coa colaboración das familias organizouse un concurso de cabazas. Todas as nosas cabaciñas eran ben bonitas; tan bonitas que incluso unha nena da nosa clase conseguiu un premio! Lembrades quén foi? Aí vai unha pista: fixádevos na cabaza da dereita da foto, a que está do lado do morcego negro.
Noraboa a I. e noraboa a tod@s os demais por participar :)
E para aquelas familias que lean isto, CLICK AQUÍ para un pouco de medo coa canción do "Samaín", e AQUÍ para unha canción das que levan pedindo con estusiasmo dende os primeiros días, "Corre, corre cabaciña".

O MAGOSTO
Despois dunha semana entre poesías, contos, debuxos e adiviñas sobre castañas, ourizos, chourizos e demais, chegou o día. Comemos, cantamos, e xogamos.


viernes, 9 de marzo de 2012

OS CONTOS NA CASA

Na nosa aula temos dúas minibibliotecas: unha para peques e outra para familias.
Todos os venres, dentro das súas carpetas para non estragar nada, o alumnado leva o material que lle toca. E sempre se acordan! Pensando no desfrute que terán lendo o conto nas súas casas e cheos/as de curiosidade por intentar adiviñar cál lles vai tocar esa semana, ás veces pídenme xa á hora de entrar que preparemos as carpetas, "por se acaso".
Encántanlles estes materiais cando os manipulan sen axuda, pero moito máis lles encanta que os vexamos xuntos, que llelos contemos, expliquemos, escoitemos, e mil cousas máis que se poden facer con eles. 
Unha destas mil maneiras de traballar o conto na casa podería ser:
  • lelo. Para contar un conto o mellor posible debemos primeiro coñecelo nós, polo tanto sería aconsellable lelo antes de contalo. Así sabemos en qué partes temos que insistir, ónde van vir as sorpresas, qué pistas podemos dar para que comprendan a historia e qué misterios non podemos desvelar ata o final. Este primeiro paso dígoo coa boca pequena, pois sei que non sempre é posible, e que nalgúns casos iremos directamente ó seguinte punto:
  • primeira lectura do conto, sen pausas nin explicacións que fagan perder o fío da historia. Soamente contar (que non é o mesmo que simplemente narrar) e compartir as ilustracións.
  •  a seguinte vez que o contemos xa podemos asegurarnos de que todo se comprende, que saben cántos personaxes interveñen e os seus nomes e motivacións, a secuencia de feitos, os porqués, e calquera cousa que se lles ocurra preguntar (impredecibles) ou ampliar a nós.
A partir de aquí xa todo é xogar
  • facerlles preguntas sinxelas, fixándonos entre outras cousas na afectividade, nos sentimentos que aparecen no conto e cómo resolven os problemas os personaxes (por que están tristes? que poderían facer para...?)
  •  inventar rimas cos nomes dos personaxes, que ás veces xa veñen dadas nos propios títulos (gato nun zapato, reno pequeno, Xoán ten un can, etc.)
  • contalo todo! (cantos paxaros hai? e árbores? e nenas? e cabritos? e obxectos verdes? e e e...?)
  • adiviñar o que non está escrito (Carapuchiña tiña unha cesta, pero que che parece a ti que podería levar nela? Como podería chamarse o rato? Que farían se chovese?)
  • cambiar. Sen abusar ó principio (porque ás veces non lles gusta nada que se cambien os seus contos preferidos), podemos incitalos a cambiar o final por outro novo, a cambiar algunha característica dos personaxes, o escenario, engadir algo doutro conto... (o lobo era vexetariano, os tres porquiños atoparon unha lámpada máxica)
  • debuxar, representar, mover os títeres e marionetas, recortar, contar a historia entre irmáns, que nola conten a nós, aprender curiosidades relacionadas co tema, imaxinar, recoñecer algunha letra do propio nome, etc.
Todo ten cabida, aínda que debemos lembrar que tan importante é traballar o conto con eles/as como, se non está resultando lúdico ou atractivo, que o lean ó seu aire para que a paixón polos contos que teñen todos/as non se vaia perdendo coa nosa insistencia.


E para aquelas familias que quedan sen voz de tanto contar historias, déixolles un vídeo da promoción dun dos mellores materiais audiovisuais da actualidade, aínda non comercializados, pero que podemos atopar na páxina da TVG.


E aquí está a páxina da TVG dende a que podemos ver moitos deles na sección de "contos": http://www.crtvg.es/infantil

lunes, 5 de marzo de 2012

COMO IMOS CAMBIANDO!

Empecemos polo principio: os primeiros días
As fotos de bebés entregadas para a matrícula na primavera de 2011 pouco tiñan xa que ver cos nenos e nenas da aula de 3 anos despois do noso exitoso período de adaptación. Velaquí vai a proba!


Estas imaxes, entre outras, forman parte do noso mural de aula "Como imos cambiando!" no que o alumnado pode comprobar a súa propia evolución co paso do tempo.

jueves, 1 de marzo de 2012

POR FIN!

Comezo esta experiencia na rede para achegar un pouquiño máis a escola ó mundo e o mundo á escola. Espero que sirva de forma de contacto para unha comunicación máis fluida entre nós, soporte para o diálogo cos pequenos e pequenas na casa, e axuda en temas do máis variado. Acepto aportacións, correccións, suxerencias e opinións lembrando sempre que este blog vai ser:
  • respectuoso
  • antisexista
  • plurilingüe (e polo tanto moi comprometido co galego)
  • correcto no uso da linguaxe
  • saudable
  • ausente, na medida do posible, de estereotipos de calquera tipo que carecen de orixinalidade (tópicos, clixés, imaxes e murais manidos, etc.) 
Cantos máis comentarios, mellor. Imos aló! :)